Despois destes meses complicados, este verán e coa nova normalidade, temos  a oportunidade de gozar da natureza co noso bebé resultando unha experiencia vital para eles.

A natureza coas súas diferentes cores, sons, cheiros e texturas proporciónalles cantidade de estímulos para as súas neuronas, para as súas emocións e para a súa aprendizaxe.

Como sostiña María  Montessori: os nenos, nos primeiros anos, teñen unha mente absorbente. Comparábaos con esponxas, pero coa condición de que estas teñen unha capacidade limitada para reter o líquido, ao contrario que os nenos. A etapa da mente  absorbente estableceuna desde os 0 aos 3 anos, en que os pequenos «teñen unha especie de intelixencia inconsciente que desenvolve a súa estrutura mediante a absorción de datos procedentes do contorno».

Raquel Penín, no obradoiro do pasado 20 de xuño, fíxonos referencia   á importancia que ten, na etapa 0-2 anos, “favorecer o movemento, pero non un movemento mecánico e competitivo, senón aquel que procede do xogo, xa que o movemento organiza o cerebro e unha  boa organización corporal será a base da aprendizaxe cognitiva.”

Por iso, propoñémosvos que xoguedes sempre que poidades coa natureza e que os vosos bebés pasen o maior tempo posible en contacto con ela. As actividades en espazos abertos achegan cantidade de beneficios físicos ao neno e axúdalles a desenvolver  a súa creatividade e sociabilidade. Dálles información do mundo que os rodea e de si mesmos.

Deixámosvos unha Guía de Lectura con contos que espertan, aínda máis, o interese dos máis pequenos pola NATUREZA, descobrindo os  animais e o hábitat onde viven cos seus sons, cores, cheiros e as diferentes texturas. 

Agora imos xogar co pequeno Edu a un divertido xogo que consiste en adiviñar que parte do seu corpo vai agochando. 

Edu é o protagonista do delicioso conto: “Que esconde o pequeno Edu?”, escrito e ilustrado pola escritora belga Linne Bie e editado por Juventud. Un conto con adiviñas para descobrir o corpo, para nenos e nenas a partir de 18 meses. Nos Bbencontros cantámolo cunha melodía de Rosa León titulada “Jugando al escondite”. Agardamos que vos preste!