Ola familias!

Ben sabedes que este verán vai ser diferente do que nos imaxinabamos hai uns meses. Pero hai cousas que non cambian, e unha delas é o gusto pola lectura no noso tempo libre. Con todo, o acceso ás bibliotecas municipais non é todo o doado que nos gustaría, e coidamos que levar préstamo para casa non debería ser traballoso.

Por iso, para facilitarvos a escolla dos diferentes materiais das bibliotecas (libros, cómics, revistas, audiovisuais…) as bibliotecarias traballamos arreo dende hai semanas para preparar lotes con lecturas para os vosos nenos e nenas, dende 0 ata 17 anos. Fixemos lotes con contos e libros informativos, por idades e tamén por temáticas atractivas: contos do rato Pérez, de monstros, sobre bechos, de arte e creatividade, libros de imaxes para buscar e atopar, para aprender sobre as novas tecnoloxías, imaxinar viaxes no tempo ou facer descubrimentos nun paseo polo campo. E moitos máis!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Preguntade e achegádevos á biblioteca máis próxima para levarvos algún. No caso de que todos os lotes que vos interesan estiveran prestados, non vos preocupedes, falade co persoal das bibliotecas e moi gustosamente farémosvos outro lote acorde cos vosos gustos e necesidades.

Agardámosvos nas bibliotecas, feliz verán!