Aprender xogando: recursos para nais e pais, 4


A estas alturas, poida que as familias xa fariades uso de todos ou case todos os recursos que vos ofrecemos durante este período de confinamento para ter entretidas ás vosas crianzas e aprender con elas. Pero non vos preocupedes que hoxe, aínda que xa estamos có plan de desescalada, traemosvos unha selección con diferentes recursos para que sigades aproveitando o tempo de estar na casa cos vosos nenos e nenas divertíndovos e alongando os pequenos momentos que son únicos e xa non volverán.

Na selección de hoxe achegamos recursos, na súa maioría, de entretemento para gozar xuntos en familia e de paso aprender. Serán útiles para facer que os nosos días non parezan repetitivos, especialmente para os vosos fillos ao non ter un horario establecido que seguir.

Para comezar deixámosvos unhas cantas APLICACIÓNS para descargar no teléfono móbil onde os nenos e nenas poderán deixar voar a imaxinación e fomentar ademais a súa creatividade a través de actividades, quebracabezas, debuxos ou contos.

CreAPPcuentos: aplicación que permite crear contos ou historias de forma sinxela e intuitiva. Nuns poucos pasos o neno ou nena converterase no autor das súas propias aventuras. Esta app nace co obxectivo de axudar a fomentar a creatividade e a imaxinación, e a espertar ao artista que todos levamos dentro. Para tódalas idades. Dispoñible para Android e iOs.

Art of Glow: App para crear debuxos divertidos, orixinais e sorprendentes a base de luces brillantes e de cores. Grazas a unha paleta de cores tipo neón, o neno poderá crear imaxes sobre un lenzo negro e xogar con diferentes efectos. Permite o debuxo libre ou creacións a partir de selos como corazóns, círculos, estrelas… Para Android e iOs.

El Búho Boo: é unha aplicación para nenos pequenos que ten como obxectivo a aprendizaxe a través da estimulación sensorial e o xogo, que conta con tres niveles de dificultade. Inclúe quebracabezas, láminas para colorear e outros xogos educativos moi sinxelos de manexar. Dispoñible para Android e iOs.

123 Kids Fun Autumn Puzzle: trátase dunha aplicación educativa para realizar quebracabezas e composicións artísticas inspiradas en elementos que se poden atopar na natureza durante o outono, tales como follas secas, palitos, ramas, sementes, froitos… Aínda que quizá sexan os nenos e nenas en idade preescolar quen máis a gocen, esta app non ten límite de idade, pois é unha excelente forma de fomentar a creatividade e espertar o seu amor e respecto pola natureza. Dispoñible para Android e iOs.

Por outra banda atopamos algunhas CANLES de YOUTUBE con vídeos educativos para os rapaces e rapazas a través dos cales poden aprender as materias que están a dar na clase coa comodidade de facelo desde casa e en calquera momento.

Happy Learning Español: canle de vídeos educativos para todas as idades, no que pais, docentes e alumnos poden atopar contidos complementarios aos meramente curriculares. Educan entretendo, ensinan dunha maneira divertida e abren as portas para que todxs descubran o marabilloso mundo do saber e creza neles a curiosidade e o desexo de aprender.

Doctor Beet remolacha: dirixido a nenos e nenas de Infantil e Primaria con contidos de todas as materias que cursan. Vídeos educativos onde os xogos e xoguetes configuran unha contorna natural e persoal de aprendizaxe. Os elementos cotiáns son os protagonistas, transformando a información en coñecemento e posibilitando que sexan os propios peques os que aprenden a aprender.

Playmobil en español: canle para aprender historia e para os fans de Playmobil esta opción é marabillosa xa que a través de personaxes como Mia, Patrick, Lisa, Benett e Yuna que acoden ao instituto e que experimentan diferentes aventuras, os teus fillos coñecerán magníficas historias.

La cuna de Halicarnaso: a idea inicial era crear unha canle educativa para 25 alumnos co obxectivo de que puidesen acceder a leccións de historia cando e onde quixesen. Os seus vídeos, nos que se trata a Historia de forma moi gráfica, con humor e con referencias a personaxes actuais, como ‘Os Simpson’ ou ‘Xogo de Tronos’, empezaron a acumular moitas visitas.

Unha alternativa a todo o anterior é ofrecer ás crianzas experiencias educativas virtuais a través de TOURS VIRTUAIS que ofrecen museos ou monumentos de visita obrigada que os terán moi entretidos, xa que os nenxs son curiosos por natureza e que mellor idea que animalos a explorar sitios novos. Así que é unha boa opción para facer en familia.

Catedral de Santiago de Compostela: é posible achegarse por medio dunha viaxe dixital á catedral máis famosa e importante de Galicia, destino final do Camiño de Santiago na capital da comunidade, na provincia da Coruña. Con música sacra de fondo, podes relaxarche paseando por cada unha das súas prazas, subindo aos seus tellados, percorrendo todo o interior e chegando ao sepulcro do Apóstolo. Todo iso a través do circuíto virtual á catedral de Santiago de Compostela, para as familias que o desexen.

Museo do Mar de Galicia: situado en Vigo, distribúe as súas exposicións en varias zonas: o xardín, as naves, unha praza, un edificio, un porto co acuario e un faro. A industria pesqueira e conserveira, o acuario, o castro e as salinas son algúns dos principais protagonistas deste museo, un dos imprescindibles na comunidade galega. Ofrece a posibilidade de realizar un percorrido virtual polo Museo do Mar a través da web dos museos da Xunta de Galicia. Son catro visitas virtuais as que se poden efectuar desta forma: 25 séculos de oceanografía, Galicia Mare Nostrum, A conquista do mundo submarino e Pesca en Galicia.

Ciudad de las artes y las ciencias, Valencia: está claro que pasear baixo unha quenlla ou unha raia non é o mesmo que meterche no seu mundo de maneira virtual. Pero ata que chegue o momento, as familias podedes marabillárdesvos con esta experiencia 360º que regala a Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia. Poderedes pasear polos seus exteriores. Acceder ao Museo das Ciencias ou visitar o Oceanogràfic, o maior acuario de Europa, no cal se representan os principais ecosistemas mariños do planeta.

Museo y centro de historia de Roald Dahl: se os teus fillos son moi fans de “Charlie y la fábrica de chocolate”, “James y el melocotón gigante” ou “ Matilda”, libros que podedes atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña cando abramos as nosas portas, seguro que lles encantará visitar virtualmente o museo e centro de historia do autor, situado en Londres. O museo ofrece un circuíto virtual e ademais pon a disposición de todo o mundo vídeos, xogos e guías para facer manualidades aquí.. Eso sí, a páxina web está en inglés, pero isto non é un grave problema porque a maioría dos rapaces e rapazas saben moito de inglés.

E para rematar, como estamos preto de festexar o Día das Letras Galegas, pensamos que a páxina web Primavera das Letras galegas é ideal para que os nenos e nenas empecen a festexar este día. Trátase dunha iniciativa da Real Academia Galega dirixido a nenos e nenas que cursan infantil e primaria. Contén descargables e actividades interactivas relacionados coas celebridades aos que a Real Academia Galega dedicoulles o Día das Letras Galegas, desde 2016 ata a actualidade. Podedes visitala para atopar máis información sobre este día clave para a nosa lingua.

Xa falta menos para que todo isto remate!

#euquedonacasa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: