O 3 de decembro festéxase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Lonxe de querer entrar en debates en canto a terminoloxía, en moitos casos prefírese falar de diversidade funcional pola visión positiva que supón (son “capacidades diferentes”, non limitacións nin deficiencias). Pero aquí a cuestión non é ser políticamente correctos. A nosa verdadeira implicación como escenarios de acceso ao coñecemento vai pola senda da decodificación e o respecto a estas diferencias.

Sabendo que non todos os nenos e nenas teñen as mesmas capacidades de acceso á lectura, as Bibliotecas Municipais traballamos por brindar as ferramentas precisas para que ata os lectores e lectoras máis novos sexan quen de comprender, analizar, descubrir, reflexionar… E dende ese compromiso dispoñemos dunha ampla selección de materiais relacionados coa comprensión lectora e coas dificultades máis comúns detectadas na aprendizaxe da lectura: libros en Braille, contos con letra fiada para empezar a ler, libros con pictogramas, audiocontos, libros-xogo…

portada biblioteca.inddMoitos deles podes atopalos en LeoBen, un espazo de encontro dentro da sala infantil da Biblioteca Ágora que recolle documentos indicados para nenos e nenas con dificultades á hora de ler. Traballamos en colaboración coas súas familias e coas asociacións, organizacións e centros da contorna (Aspanaes, Aspronaga, FAPXG, Agadix, ANHIDA…), algo imprescindible para detectar os apoios que se precisan e que as bibliotecas podemos garantir. Seguiremos movéndonos para dar visibilidade e aportar normalidade a ditos colectivos, pois o verdadeiro problema existe cando o entorno social non ofrece as adaptacións que dan resposta ás súas necesidades. Sobre como chamalas xa falaremos outro día. Felices lecturas!