A clase de arte rematara, pero Vashti quedou pegada ao seu asento. A súa folla estaba en branco. A profesora inclinouse sobre ela .

“¡Ah! Un oso polar baixo unha tormenta de neve”, dixo.

”¡Moi divertido!” contestou Vashti.  “Non se me ocorre que debuxar”

O punto. Peter H. Reynols

Hai libros máxicos. Libros sorprendentes que van moito máis lonxe do que neles está contido. Libros que convidan á experimentación e que inclúen pasaporte a novos mundos.

Hervé Tullet é un deses magos experimentais que convidan a ver os libros con outro estoesunlibrpprisma. As obras do autor francés concíbense para ver cos ollos ben abertos, xogar coas ilustracións e ler dunha maneira moi distinta á que estamos afeitos. Para Tullet o libro é un tesouro interactivo que non entende de tecnoloxías, onde o lector só precisa das súas mans e da súa imaxinación para poder desfrutar das infinitas formas, cores e textos que alí se presentan. E non se conforma con publicar: tamén imparte obradoiros por todo o planeta axudando a nenos e nenas a explotar a súa imaxinación e creatividade en relación coa arte.

No último Bebencontro da Biblioteca Ágora demos unha vez máis testemuño do cativadoras que son estas obras. Só precisamos dun panel branco e puntos de luz (ademais dunha marabillosa versión instrumental do tema Somebody that I used to know de Gotye) para experimentar con Xogo de cores: un cadrado violeta, un círculo verde e un triángulo laranxa andaban buscando aos seus pais. E apareceron, claro! As diferentes formas xeométricas descubríronnos como a partir da mestura de cores primarias acadamos as cores secundarias:

Para voltar á calma recorremos aos “gusidedos” (que non eran outros máis que os nosos dedos con ollos e boca) e convertémolos en flores, dinosauros, pasteis e tuberías, ademais de mergullalos no fondo do mar. Dedos contadores de historias. Unha sinxelísima pero marabillosa ferramenta que capta a atención dos bebés a través do movemento das nosas mans e a sorpresa de ver uns protagonistas tan orixinais.

sombras-horz
Podes atopar os títulos da colección Vamos a xogar! no Cascarilleiro, o catálogo en liña das Bibliotecas Municipais. Só aptos para mentes inquietas! 

Desde a Bebeteca abriuse unha porta estelar para formular unha realidade alternativa e asombrosa. Porque non fan falta grandes recursos para facer da lectura unha experiencia inesquecible. Ás veces cunha folla en branco temos todo o que precisamos. Pois coma di o propio Tullet, “dun vaso con pintura que cae ou dunha mancha non desexada sempre se pode obter algo estimulante“.