Como facer que adultos e pequechos queiran máis contos, máis festa e máis biblioteca?
Pois con música, con risas e moitos moitos libros. Todo iso foi posible co grupo Migallas, na festa final dos Bebencontros que a Biblioteca Infantil e Xuvenil (Durán Loriga) preparou para despedirse desta volta.
Dende outubro disfrutamos na Bebeteca de Durán Loriga das familias, dos seus pequerrechos e dunha morea de contiños, músicas e libros, e este mes de maio xuntamos a 28 bebés e ás súas familias para celebrar, por todo o alto, o que máis nos gusta… todos ese sorrisos acadados na Biblioteca.
Co seu libro-disco Pan de Millo ben presente, Bea e David, foron recibindo xa cediño ás familias, arrexuntándoas para entrar de cheo no mundo da fantasía e risas que trouxeron ca música e os contiños.
Unha experiencia, de principio a fin, que reflicte o que sempre intentamos acadar na Bebeteca, que as familias fagan seus os espazos, os libros, compartan lecturas e momentos de descubrimentos, e que saiban que o importante é o que vaia perdurando pouco a pouco nas experiencias dos pequenos e pequenas, os lazos fortalecidos entre as familias, e que a Biblioteca fará sempre de niño para acollelos.
Pero isto non é unha despedida!!! Só unha pausa, pequena, cortiña… na que prepararemos máis sesións, máis contos e moitas máis ilusións que mostrarvos para o curso que ven. E mentres, nos meses que restan ata os próximos Bebencontros, deixarvos unha invitación a descubrir os fondos que aínda non coñecedes da Biblioteca, ou repetir os que máis vos gustaron!
Aquí vos deixamos unha selección dos libros que Migallas utilizaron na súa actuación e os que temos durante todo o verán dispoñibles para levar en préstamo, xunto cos Bebelotes que temos durante todo o ano preparados segundo temáticas e idade dos bebés.
Recordade ademáis que poderedes consultar o catálogo web das Bibliotecas municipais as 24h/7 días á semana para saber qué temos dispoñible ou mesmo as últimas incorporacións. E no flickr das Bibliotecas municipais, para os que sintan morriña, deixámosvos unha selección das fotos dos Bebencontros deste ano.
Deixar unha resposta