Vivimos nunha sociedade cambiante, na que existen fluxos migratorios que fan que a nosa comunidade sexa diversa en canto á cultura, raza, etnias… É preciso que dende idades temperás exista unha educación na diversidade, no respecto, na comprensión entre grupos culturais diferentes.
A nosa labor como biblioteca é, en primeiro lugar, facer palpable a diferenza para despois traballala dende o entendemento e a tolerancia. Como elemento potencializador e de reforzo: o conto! Historias que abrazan o noso mundo e amosan aos máis pequenos e pequenas novas formas de conexión coa diversidade e a riqueza do global que nos rodea.

Sempre que plantexamos unha sesión sentimos a necesidade de contextualizala, de adxudicarlle un contido tranversal para achegarnos a aquilo que consideramos preciso. Neste caso, ao diferente.
África, o seu habitat e os ritmos musicais servíronnos para establecer un punto de partida. A través de diferentes xogos de percepción e secuencias acumulativas adaptamos unha lectura de imaxes cargada de onomatopeas, sonoridade e repeticións. O resultado? Un xogo de palabras con efecto rítmico e de desfrute.

Xogar coas palabras implica potenciar a imaxinación, a creatividade, a comprensión lectora, a linguaxe e o hábito de lectura. Unha ferramenta “lúdica” para que vós, como adultos e exemplo socializador primario, a poidades empregar co obxectivo de suscitar nos pequenos e pequenas o pracer pola lectura, á vez que compartides espazo-tempo a modo de divertimento.
E iso foi o que tentamos conseguir durante a derradeira sesión: proporcionarvos diversidade de contos, estratexias para xogar coas palabras, recursos para traballar a lectura no fogar dun xeito diferente, divertido e partícipe; potenciando as historias acumulativas, con ritmo e expresividade seguindo as situacións emocionais dos personaxes.

Cómpre destacar a ampla variedade bibliográfica que temos dispoñible nas Bibliotecas Municipais. Postas a #recomendarbmc gustaríanos achegar unha colección que encanta… perfecta para compartir, dende unha fusión sonora-intercultural, cos vosos bebés.
- Cancionero infantil del papagayo: Brasil y Portugal en 30 canciones infantiles. Magdeleine Lerasle. Madrid: Kókinos, 2005
- A la sombra del olivo: el Magreb en 29 canciones infantiles. Hafida Favret. Madrid: Kókinos, 2005
- Cancioncillas de miel y pistacho: 29 cancioncillas armenias, griegas, kurdas y turcas. Nathalie Soussana. Madrid: Kókinos, 2010
- Canciones infantiles y nanas de los arrozales: 29 canciones infantiles de Asia Oriental. Chantal Grosléziat. Madrid: Kókinos, 2009
- Canciones infantiles y nanas del baobab: el África negra en 30 canciones infantiles. Chantal Grosléziat. Madrid: Kókinos, 2005
- Canciones infantiles y nanas de babushka: 29 canciones infantiles eslavas, bielorrusas, polacas, rusas, eslovacas. checas., ucranianas y viddish. Nathalie Sussana. Madrid: Kókinos, 2007
- Cancioncillas del jardín del Edén: 28 canciones infantiles judías. Nathalie Soussana. Madrid: Kókinos, 2006
E para rematar, o equipo da Biblioteca Ágora quere adicarlle este post a Alma. Vai por ti súper compi! Por todo o aportado día a día, polo teu permanente sorriso e profesionalidade 😉 #SumandoNoÁgora
Esperámosvos no seguinte BbEncontro!
Deixar unha resposta