Ás veces penso… como era eu cando fun peixe?

Con esta frase remata o tráiler de “peZes“, un poema escénico que reflexiona sobre a orixe da vida contado a través da auga. A compañía Ultramarinos de Lucas, recentemente galardoada co Premio Nacional das Artes Escénicas para a Infancia e Xuventude 2015, é a encargada de representar dito poema co obxectivo de mergullar aos bebés nun universo líquido, ao que pertencen – pertencemos – xa antes de nacer.
Mais estes espectáculos teatrais chegados do fondo mariño, mestúranse con doces propostas musicais da man de Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Por segundo ano consecutivo, o seu recompilatorio de “Arrolos de Salitre” aterra no Centro Ágora para deleitarnos cunha ampla batería de nanas ou “palabras de mel”, todas elas rescatadas da tradición oral galega e envoltas nos acordes máxicos dunha guitarra e no acolledor son dun acordeón.
… voga, e nunca deixes de vogar; canta, cando vogues mellor cantar…
Estas dúas propostas, xunto cun obradoiro de arrolos destinado ás familias con bebés de 0 a 3 anos, completan a programación de BEBESCENA para este mes de novembro.
Só tedes que conseguir a vosa entrada, achegarvos ao Centro Ágora e desfrutar xuntos/as deste “miúdo” contacto coas Artes Escénicas.
Deixar unha resposta