O sábado 25 de abril, tivemos na Biblioteca Infantil e Xuvenil a derradeira sesión de Bebeteca antes da festa concerto do 16 de maio. Xunto a Nico, Druso, Martina, Helena, Lúa, Pepe, Jaime, Miguel, Laura e as súas familias, achegámonos ó mundo das adiviñas e das partes da cara.
Mediante o conto ¿Qué esconde el pequeño Edu? xogamos cos ollos, o nariz, as orellas… para que os máis peques, posteriormente recoñeceran nas caras dos maiores a ledicia, a sorpresa, a tristura e outras emocións.
Estamos na etapa idónea de aprender a nomear as emocións básicas, a captar os signos de expresión emocional dos demáis, interpretalas corretamente, asocialas con pensamentos que faciliten unha actuación adecuada, e a controlar as emocións que conleven consecuencias negativas. Podemos aproveitar calquer situación para facer que os pícaros reparen nas emocións: cando se sintan contentos, tristes ou enfadados, dicíndollo explícitamente, animándolles a que presten atención ós xestos de cada emoción, ó que produce cada unha delas. Un paso máis adiante será, pois, orientalos cara ás emocións das outras persoas, para poder empatizar e ter sempre presente a súa importancia dentro das relacións sociais.
Aprenderlle ós rapaces e rapazas a controlar as súas emocións non é sinónimo de reprimilas. Os nosos pequechos teñen que aprender a expresalas segundo o momento, a situación, as persoas presentes… dende os primeiros intres do xogo compartido. É importante amosarlle o que significa compartir, respectar quendas, prestar xoguetes, non mostrarse agresivo, á par que aprendemos a saudar e despedirnos, pedir as cousas en lugar de sacalas das mans, etc. Todo isto será unha tarefa moito máis doada si lles lembramos todo aquilo que fan ben, proporcionámoslles expresións de cariño, brindámoslles un vocabulario relativo ás emocións para que poidan comunicalas, pintar con eles facianas que expresen alegría, enfado…
As compañeiras da Biblioteca do Fórum xa nos adiantaban cómo espertar ás emocións nun post anterior, e dende a Biblioteca Infantil tamén falamos noutra ocasión de Cómo potenciar a intelixencia emocional, no que tamén deixabamos recomendacións de libros sobre a temática que podedes consultar en calquer momento.
Pero desta volta queremos facer fincapé neses contos que a través da fantasía, das historias, os ritmos e a tenrura dos que os len, poden acompañar a través das emocións aos máis pequenos e ver transformado o seu desenvolvemento. Porque os contos son unha gran axuda na educación emocional. Esperamos que vos gusten, e que vos emocionen!
Se queredes comprobar a súa dispoñibilidade podedes consultar o catálogo.
E xa sabedes que se queredes ver máis fotos da sesión podedes entrar no Flickr das Bibliotecas municipais
Deixar unha resposta