Somos Vermellos

O sábado pasado na sesión de Bebeteca de 1-2 anos fomos VERMELLOS, a cor da pasión inundou o noso modesto “rincón” e Aurora, Carolina, Naiara, Xoán, Xoel, Yago e os seus papis sorprendéronse do xogo que dá esta cor a través do conto de Iela Mari: Un globo vermello. As historias contadas a través de imaxes pódense descubrir de mil xeitos, contarse mil e unha veces. Querémosvos recomendar un conto para que “practiquedes” na casa, no parque, na escola, … as posibilidades que ofrecen estes tipo de libros:

¡Me voy de viaje! de Alan Mets Me voy de viaje!

Un libro para que os máis pequenos da casa entendan que é viaxar. Trata dun gato que se vai de viaxe, pero non resulta unha viaxe calquera, remata sendo unha gran aventura. Se realizades algunha viaxe cos peques este verán, aprenderán os diferentes medios de transporte,e que esta nova experiencia é moi gratificante porque sempre hai cousas que descubrir. Podedes comezar a ler o conto antes de partir e, durante o traxecto e polas noites, reléndoo e variando a historia, se cabe. Xa veredes o xogo que dá!

 Querémosvos recomendar outro conto para este verán como o de Opuestos divertidos de Lola Mechado.

Opuestos divertidos

É un libro de plástico, lixeiro e sinxelo de transportar cando ides de viaxe. Con el os peques poderán descubrir os opostos por medio da rima e do xogo.

As ilustracións de Mariela Glüzmann enchen de vida e de cor estas páxinas. Ideal para ler, xogar e se divertir ata na praia, no mar!

Na sesión do sábado os nosos pequenos usuarios tamén reforzaron os conceptos de ENRIBA e debaixo coa escenificación do conto A que sabe a Lúa de Michael Grejniec e da peza que todos lembramos e cantamos algunha vez: Debajo un botón. Pero que millor mostra do que fixemos e do ben que o pasamos que visitando a nosa galería de fotos. Moitísimas grazas a todos!

Desde a Biblioteca do Forum Metropolitano o noso máis sinceiro agradecemento a todos os bebés, mamis e papis que participaron nos Bebencontros e aos que ficaron nas portas, a todos os interesados en achegar o mundo dos contos aos máis pequenos, porque con todos vós disfrutamos! ata o curso que vén! Lembrade que a Bebeteca e a Sala infantil está a vosa enteira disposición!

Deixámosvos un agasallo… un vídeo-resumo coas fotos de todas as sesións para que o disfrutedes en familia!